Monday 06 de May de 2024

Un xurado formado por expertos encargarase de analizar as 65 propostas presentadas ao concurso de ideas para remodelar a praza de Antonio Tenreiro


Presidido polo tenente de alcalde de Infraestructuras, o xurado está composto por técnicos do Concello, de Patrimonio da Xunta e dos colexios de Arquitectos e de Enxeñeiros de Camiños e por un profesional elixido polos propios participantes no concurso

O Concello da Coruña recibiu un total de 65 propostas para o concurso de ideas que abriu para a remodelación da praza Antonio Tenreiro, un proxecto que dará continuidade ao plan de rehabilitación da rúa Federico Tapia que na actualidade se encontra en fase de execución. Ademais, xa se designou o xurado que se encargará de analizar e elixir a solución gañadora deste concurso.
O xurado, presidido polo tenente de alcalde de Medio, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, está formado por catro técnicos municipais e por un representante da Dirección Xeral de Patrimonio de la Xunta, do Colexio de Arquitectos e outro do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos de Galicia, así como dun profesional técnico que foi designado tras recibir o maior número de votos por parte dos propios participantes ao concurso. O Concello conta así con profesionais e expertos no ámbito do urbanismo para elixir a mellor solución técnica posible para a remodelación da praza Antonio Tenreiro -un dos fundadores do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia-. Trátase dunha fórmula que funcionou con éxito -tanto polo número de proxectos presentados coma pola calidade destes- noutras actuacións promovidas polo actual equipo de Goberno municipal, como a reordenación do paseo marítimo, a mellora da mobilidade peonil coa instalación de ascensores e escaleiras mecánicas, ou a remodelación do Roseiral dos xardíns de Méndez Núñez.
O Concello apostou pola convocatoria dun concurso de ideas para obter o maior número de propostas posibles e, ao mesmo tempo, ofrecer á canteira de técnicos de arquitectura, enxeñaría e urbanismo unha oportunidade de expresar e reflectir a súa creatividade. A presentación de 65 solucións técnicas a este anteproxecto da praza Antonio Tenreiro demostra que a celebración do concurso foi, unha vez máis, unha decisión acertada.
En total, o Concello repartirá ata 12.000 euros en premios: 6.000 euros para a proposta gañadora, 3.000 euros para o segundo clasificado, e dous accésits de 1.500 euros cada un. O Goberno municipal, a través da área de Infraestructuras, tamén reserva presuposto no caso de que se decida que o responsable ou responsables da proposta gañadora se encarguen tamén da redacción e posterior dirección do proxecto final.
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, inaugurou en 2012 a praza situado entre as rúas Juan Flórez e Federico Tapia en honor ao arquitecto Antonio Tenreiro, un dos fundadores do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) que asinou, entre outros proxectos, o edificio do Banco Pastor e a casa Barrié. O Concello cumpre o seu compromiso de remodelar esta praza -cunha superficie aproximada de 3.340 metros cadrados- que actualmente non se percibe como tal xa que a superficie libre de vehículos e destinada a área de estanza se limita a unha pequena zona central de forma triangular. Ademais, esta parte central encóntrase atravesada por unha senda que divide a superficie en dous xardíns con mobiliario urbano e de servizos e un espazo axardinado de escasa calidade.
Infraestructuras quere recuperar esta praza e conceder o máximo protagonismo ao peón, mellorando a súa mobilidade. Así, cando se abriu o prazo para participar no concurso de ideas, solicitábase que nas propostas se incluíse unha análise das posibilidades de reordenación do tráfico e dos espazos destinados a estacionamento, estudando cambios razoables que permitan gañar espazo para o peón.
O concurso de ideas para a remodelación da praza Antonio Tenreirof orma parte da segunda fase do proxecto de renovación d eFederico Tapia, polo que nas propostas se podían incluír tamén solucións para conectar esta praza co tramo final de Federico Tapia(polo que a superficie final sobre a que se actúa alcanzaría os 4.185 metros cadrados) e a súa comunicación con Juan Flórez e rúas adxacentes, tendo en conta proxectos que o Concello xa finalizou, como a reurbanización da rúa Emilia Pardo Bazán, ou que se encontran en fase de execución, como a instalación das escaleiras mecánicas en Mestre Clavé ou a propia remodelación deFederico Tapia (esta primeira fase do proxecto conta cun presuposto de 876.621 euros, alcanza os 5.150 metros cadrados, e acométese por tramos: entre a praza Antonio Tenreiro e a praza deVigo, por un lado, e entre as prazas de Vigo e de Galicia, polo outro). Para a remodelación da praza de Antonio Tenreiro, o Concello dispón dun presuposto máximo de 700.000 euros, polo que o proxecto final de urbanización de Federico Tapia e o seu ámbito roldará os 1,5 millóns de euros.